II FESTIVAL DE PODCAST 2026

O II Fesival de Podcast organizado por Emisoras.Municipais Galegas (EMUGA) en Fene chegou o sábado 13 de xuño de 2026 á súa fin.  Destacouse o podcast «A ferida aberta no 36» pola importancia de recuperación da memoria histórica dándolle voz a familiares,

historiadores e investigadores, así como o rigor e seriedade no tratamento do tema, destacando igualmente o labor de produción e documentación que conlevou este traballo. Tamén se presentou «Sábados no Cruceiro.
Os retos das cidades sostibles do futuro”, dos profesores da Universidade da Coruña Joaquín Enríquez, Begoña Álvarez e José Javier Orosa, e a investigadora e doutoranda da mesma universidade Andrea Bello.

Un dos pratos fortes da programación foi a mesa redonda sobre o podcast na radio local, que é precisamente o eixe arredor do cal xira este festival organizado por Emuga. Coa moderación de Xosé Cendán -director de Radio Eume- Germán Estévez, de Radio Allariz; Bernardo Penabade, de Radio Foz; Iván Touris de “A xente de Teo” e Xurxo Estévez, fundador de Radio Piratona, debatiron sobre as oportunidades que esta ferramenta ofrece ás emisoras
municipais e locais e sobre o futuro da radio en xeral. O moderador apuntou que o formato podcast non deixa de ser o que se facía na radio de hai 40 anos baixo o paraugas dos “colaboradores”, porque do que se trata é de que “a xente quere contar cousas”. Germán Estévez subliñou que o podcast é unha radio á carta e mostrouse convencido de que a radio non pode morrer, porque é o único medio que ten voz e que permite desenvolver outras tarefas mentres se escoita. Xurxo Estévez destacou na súa intervención que o importante é a
capacidade de que calquera, “sexa un rapaz de instituto ou un home de 70 anos”, poida comunicar directamente, en cada época co medio que estea dispoñible, e neste sentido falou da relevancia do podcast pola súa conexión coa xente máis nova. Iván Touris incidiu en que tanto na radio como no podcast o importante é saber que te están escoitando porque te queren escoitar, mentres que Bernardo Penabade, na súa defensa da radio educativa, apostou
por un formato colaborativo que permita aos centros educativos ter os seus programas cunha periodicidade regular nas emisoras locais, puntualizando que apoia un modelo de “radio ao vivo” aínda que poida incluír fragmentos gravados. No debate falouse tamén doutras cuesƟóns, entre elas a necesidade de contrapeso para o “relato oficial” dos medios. Xurxo Estévez considerou necesario un grupo mediático galego forte que tería que arrancar desde a base, algo no que ao seu xuízo as emisoras municipais teñen un papel fundamental. Pola contra, Germán Estévez argumentou que nun momento de tanta sobreinformación, e, á vez, desinformación, resulta moi complicado que poida xurdir ese grupo mediático. Engadiu que a pesares de que nunha democracia ideal o control dos medios tería que estará en mans públicas, privadas e comunitarias nun 33% para cada un destes modelos, o certo é que cada vez proliferan máis os medios privados, e que os comunitarios non están no taboleiro mediático.
O programa do II Festival de Podcast continuou coa participación de Nuria López, responsable de “A ferida aberta no 36”, Vera Varela, de “Mugardos, lugar dos silencios” e Jorge Salgado, arquitecto do Pazo de Piñeiro, que falaron da contribución da ferramenta dos podcast para recuperar temas vinculados á memoria colectiva -precisamente como o que resultou gañador do festival- nunha actividade moderada por Daniel García, de Canal Rías Baixas.
Os profesores Óscar Rey e Fina Paulos debatiron sobre o tema “Intelixencia Artificial e Sociedade” incidindo na importancia de facer un uso responsable, crítico e humano da tecnoloxía. Moderou esta actividade a tamén docente Anxos Gacía Fonte. A xornada rematou coa actuación do grupo de cantos de taberna “Son d Cantos”, de Perlío,  dirixido por Diego Maceiras . Coas súas interpretacións namoraron ao público no Círculo de Perlío.

Imaxe: No I Festival de podcast presentouse «Matar as horas de nostalxia. Podcastelao». (Na imaxe, gravación en Radio Fene)